Tuesday 30 de April de 2024

Sigüeiro acolle mañá venres unha charla sobre o Camiño Inglés e unha degustación das tortas de garavanzos que comían os peregrinos


O centro cultural de Sigüeiro acollerá mañá venres 28 de abril, a partir das 20:00 horas, unha conferencia divulgativa sobre a historia do Camiño Inglés e os seus múltiples atractivos culturais, naturais, etnográficos e arquitectónicos. Unha charla que estará complementada cunha degustación dun prato típico dos peregrinos: a torta de garavanzos. A entrada é totalmente libre e de balde.

A conferencia será impartida por Cristóbal Ramírez, xornalista divulgativo da Ruta Xacobea e presidente durante dúas décadas da Asociación de Xornalistas do Camiño Inglés, que estará acompañado polo concelleiro de Turismo e deputado provincial, Antonio Leira. Unha conferencia incluída na campaña “Primavera no Camiño Inglés”, promovida pola Deputación da Coruña para impulsar a afluencia de visitantes a esta Ruta Xacobea que transcorre integramente pola provincia da Coruña.

Unha vez rematada a conferencia terá lugar unha degustación de tortas de garavanzos a cargo de María Varela, propietaria da casa de turismo rural Parada das Bestas (Palas de Rei), que ten realizado un intenso traballo de recuperación de receitas dos pratos que comían os peregrinos dende a Idade Media ata hoxe.